O Instituto Español de Comercio Exterior (ICEX) asinou un convenio de colaboración coa Caixa a través do cal se pon en funcionamento unha liña de financiamento en condicións preferentes de até 65 millóns de euros. O acordo foi rubricado polo vicepresidente executivo do ICEX, Fernando Salazar Palma, e polo director xeral da Caixa, Juan María Nin.
O acordo demostra unha vez máis o decidido apoio do Instituto ás empresas na súa saída aos mercados exteriores. O convenio, en vigor desde o pasado 1 de abril e con vixencia dun ano, pon a liña de financiamento a disposición das empresas beneficiarias dos programas de establecemento e promoción no exterior, de marca e promoción exterior, do Plan de Iniciación á Promoción Exterior (PIPE) e Club PIPE, de licitacións exteriores e das actividades organizadas polas asociacións sectoriais de exportadores.
No marco do convenio establécese que a entidade financeira tamén poderá anticipar, en condicións preferentes e exclusivas, até o 90% do importe das axudas concedidas polos programas de axudas a empresas e asociacións sectoriais do ICEX.
Así mesmo, con este acordo, A Caixa comprométese a asistir noutros ámbitos ás empresas acollidas aos programas do ICEX facilitando os instrumentos máis indicados para a actividade exterior como factoring, créditos documentarios ou xestión de transferencias.
Asesoramento personalizado en comercio exterior
O convenio tamén contempla que as empresas poidan beneficiarse da experiencia e coñecementos do equipo de especialistas da Caixa en comercio exterior, que poderán darlles formación e asesoramento de forma personalizada. Para iso establecerase unha liña directa para o ICEX e para as empresas adscritas aos seus programas.
Fonte: ICEX.
Comentarios
Envía tu comentario