A consellería repartirá na convocatoria deste ano 219.982 euros, e non 295.387 como o ano pasado. Os editores agardan que a rebaixa afecte tamén ás axudas que fomentan a tradución e que esta sexa a "tónica" da lexislatura.
Os editores galegos terán que facer un esforzo económico maior que o ano pasado se queren poñer no mercado obras especialmente custosas e de difícil comercialización. E iso malia a que estas publicacións procuren a “excelencia” ou sexan “obras de importancia para o crecemento intelectual de Galicia”, os requisitos que pon a Consellería de Cultura para solicitar as subvencións destinadas á edición e promoción de grandes proxectos editoriais. O departamento de Roberto Varela vén de recortar un 25,5%, algo máis de 75.400 euros, a contía destas axudas.
A convocatoria, publicada onte no Diario Oficial de Galicia (DOG) pero ditada o pasado 25 de maio, dous días antes de que o conselleiro se reunise coa Asociación de Editores Galegos (AGE) e reiterase o seu compromiso co sector, reproduce case ao pé da letra a do ano pasado. Só hai dúas diferenzas. Unha, de forma, pois na comisión que valorará as solicitudes, ademais do director xeral de Promoción e Difusión da Lectura, o xefe de Servizo de Bibliotecas, a xefa do Servizo do Libro e Publicacións e un funcionario, haberá tamén unha persoa “vinculada laboralmente” co ámbito do libro. A outra, a que máis preocupa ao sector, é de fondo: este ano repartiranse 219.982 euros e non 295.387 como na convocatoria anterior.
Fonte: Xornal de Galicia
Comentarios
Envía o teu comentario